Deputación e Concello completan a primeira fase da rehabilitación da Casa das Máquinas


A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago colaboran na rehabilitación da Casa das Máquinas de Compostela, exemplo de arquitectura industrial e un dos edificios modernistas máis singulares da cidade. As tarefas levadas a cabo no inmoble contaron cun orzamento de 252.056,73 euros, dos cales 201.645,38 euros foron aportados polo ente provincial.

As accións acometidas no edificio, emprazado no Campo das Hortas e obra do prestixioso arquitecto compostelán Xesús López de Rego, permitiron limpar e recuperar os muros, co saneamento das xuntas e a pedra, así como coa recuperación do enfoscado de mortero de cal no interior do inmoble. Tamén se tapiaron os ocos de paso do cableado de entrada e saída e aproveitáronse estes para ventilación en xeral. Do mesmo modo, substituíronse as cristaleiras de cristal opaco por un completamemte transparente, que permite a entrada de luz natural no inmoble.

En canto aos traballos na cuberta, recuperouse e repúxose completamente o tellado, mantendo os formatos e a disposición previa. Estas tarefas forman parte da primeira fase para adaptar o edicifio e convertelo nun centro multiusos para a veciñanza do municipio.

O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde do municipio, Xosé Sánchez Bugallo, visitaron as instalacións, onde puideron coñecer de primeira man o estado no que se atopan actualmente.