Deputación e Concello de Outes estudan vías para a promoción turística dos recursos do mar


A promoción de distintos produtos turísticos, a rehabilitación dunha carpintería de Ribeira, o apoio á campaña do sector ou a sinalización de dúas rutas de senderismo foron algúns dos temas da xuntanza do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, co alcalde de Outes, Manuel González. Na visita ao concello, Xosé Regueira destacou a grande potencialidade turística do concello e o interese dos proxectos vinculados ao turismo do mar.

A carpintería do mar é un recurso de especial interese na promoción turística do Concello de Outes e a súa promoción foi un dos eixos da visita ao concello do vicepresidente e responsábel de Plans, Patrimonio e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira ,que se reuniu co alcalde Manuel González para estudar novas vías de colaboración para apoiar distintos proxectos municipais. A tenente de alcalde, Alba Quintela e a concelleira e deputada provincial, Mª Beatriz Molinos, ademais de persoal técnico das dúas institucións, participaron tamén na visita.