Deputación e Concello de Tordoia poñerán en valor o dolmen de Cabaleiros


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro Liñares, e o deputado responsable da área de Contratación, Xosé Lois Penas, asinaron un convenio en virtude do cal ambas as dúas institucións colaborarán na promoción e divulgación do dolmen de Cabaleiros.

O convenio, que supón unha achega económica de 3.815 euros, ten como obxectivo incluír ao monumento megalítico na estratexia de turismo municipal e provincial, favorecer o seu uso educativo e didáctico e implicar á poboación local na súa posta en valor.

Para iso realizaranse accións de divulgación e comunicación a través de redes sociais, medios de comunicación ou material impreso, fomentaranse as visitas ao dolmen de grupos de escolares de toda a provincia e durante os meses de verán prestarase un servizo de guía que explique aos grupos organizados que o visiten a historia e o valor etnográfico do monumento.