Deputación e Concello de Vimianzo mellorarán a estrada que conecta o municipio con Muxía


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asinaron este mércores no pazo provincial o convenio de cooperación para financiar as obras de mellora da estrada DP-1603, que une o municipio soneirán co Concello de Muxía. Os traballos contan cun orzamento de 143.461,15 euros, dos que a Deputación achega o 80%.

Os traballos consistirán na mellora da capa de rodaxe e da seguridade viaria, e para elo contémplanse actuacións como a limpeza de cunetas, o estendido dunha capa de 6 centímetros de aglomerado en quente a toda a vía, instalación de cunetas e barreiras de seguridade, pintado das liñas de bordo e isletas e a instalación dun sinal de STOP.

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, agradeceulle “á Deputación e o seu presidente, Valentín González Formoso, non só a colaboración, senón tamén o interese diario polas nosas parroquias, por mellorar conexións entre municipios e por optimizar as condicións de seguridade tanto peonil coma dos vehículos”, concluíu.