Deputación e Concello estudan melloras no castelo de Vimianzo

1 minutes read

A Deputación da Coruña e o Concello de Vimianzo estudan acometer actuacións de melloras no castelo que afectarán principalmente ás instalacións do ben patrimonial. O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, visitou o monumento e reuniuse coa alcaldesa Mónica Rodríguez para estudar o alcance da actuación.

A mellora será especialmente no que se refire ao cadro eléctrico e ao control das humidades do monumento, cunha actuación que conta cun orzamento de 100.000 euros. O proxecto foi un dos temas principais da reunión que mantiveron o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, e a alcaldesa Mónica Rodríguez ademais do concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez e o xefe de Servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación, Antonio Yáñez.

Na reunión puxéronse sobre a mesa outras actuacións que se poderían acometer de cara o futuro como unha nova iluminación con posibilidade de cambiar as cores das luces en función das distintas conmemoracións anuais, á maneira doutros grandes monumentos mundiais.

Finalmente, na xuntanza abordouse a colaboración do Concello de Vimianzo coa Deputación da Coruña na organización da festa histórica que se prepara para conmemorar a batalla de Altamira, xunto cos concellos de Ames e Brión. Neste sentido, desde o Concello de Vimianzo, a alcaldesa mostrou a súa dispoñibilidade para ceder materiais do Asalto ao Castelo, entre outros elementos, a propia vestimenta da conmemoración.