O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou o concello de Mazaricos para estudar, xunto cos alcaldes de Mazaricos, Santa Comba e Zas, o proxecto de senda polo Xallas que percorrería un total de 65,5 km. A actuación conta cun orzamento de 400.000 euros para acondicionar unha senda que permite descubrir un rico patrimonio natural e histórico dun territorio que atravesa os tres concellos.
Na casa do Concello de Mazaricos, o vicepresidente da Deputación da Coruña xunto co alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, o alcalde de Zas, Manuel Muíño e o de Santa Comba, David Barbeira estudaron o proxecto de acondicionamento da senda fluvial a través da beira do río Xallas que percorre territorio dos tres concellos e que poderá ser percorrida na súa totalidade a pé ou en bicicleta.
Despois de coñecer o proxecto presentado polos tres alcaldes, Xosé Regueira comprometeu o apoio ao seu financiamento e destacou o «interese turístico, patrimonial e tamén económico, en especial, no momento actual en que o senderismo e, en xeral, o deporte e o turismo ao ar libre foron tomando forza polos efectos da pandemia nunha dirección na que, sen dúbida, se continuará unha vez que rematen as restricións».
Na senda, puntos de especial interese natural e paisaxístico son a Fervenza de Castriz, a praia fluvial de San Salvador, a presa da Xesteira, encoro da Fervenza , a praia fluvial de Esmorode, Devesa do Anllares, encoro de Santa Uxía, fervenza da Noveira ou mesmo o mirador que sorprendeu pola beleza das súas vistas a Frei Martín Sarmiento e que agora leva seu nome. Entre os puntos de atractivo monumental e patrimonial atópanse, entre outros, a capela de Rubín, a Ermida de San Blas ou a Ponte e o castro de Brandomil.