O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello da Baña, José Antonio Pereira, asinaron na sede da institución provincial o convenio para cofinanciar as obras de arranxo da pavimentación das vías públicas entre Vilar da Torre e Lañas. Ao acto asistiu tamén o deputado Antonio Leira.
A entidade provincial destinará 200.000 euros do investimento, que supón o 80 % do orzamento total.
O obxecto de dito proxecto é mellorar a circulación e a seguridade vial no tramo que transcorre entre Vilar da Torre e Páramos, unha estrada moi transitada entre todos os veciños da comarca.
Para iso executarase, en primeiro lugar, unha explanación e un rasanteo do firme, así como unha limpeza e perfilado de beiravías. A continuación estenderase unha base de macadam de 15 cm. de grosor e colocarase un rego de penetración e un rego superficial para completar a obra.
Con esta nova acción mellorarase unha infraestrutura de carácter básico e moi utilizada para o Concello da Baña, mellorando o día a día tanto da súa veciñanza como a dos habitantes da comarca.