O Pazo de Mariñán, no Concello de Bergondo, acolleu o acto de constitución da Mesa de Traballo do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía, un proxecto impulsado pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, no que están representados todos os sectores da sociedade e que funcionará como nova folla de ruta na promoción, desenvolvemento e consolidación deste produto orixinal e diferenciador que ten Galicia e a provincia. A creación desta Mesa de Traballo xurde da necesidade recollida no artigo 75 da Lei de Patrimonio cultural de Galicia que expresa o interese de adoptar medidas de mantemento e conservación no eido dos trazos delimitados de cada camiño. Forman parte desta iniciativa as institucións públicas (Xunta de Galicia, Deputación e concellos), as universidades da Coruña, Santiago e Durham, a Confederación de Empresarios da Coruña, as xerencias de Turismo das cidades da Coruña e Santiago de Compostela, asociacións veciñais, culturais, de hostaleiros, xornalistas, arquitectos, e profesionais do sector turístico. No acto estiveron presentes, entre outras autoridades, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, e o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
31