No mediodía deste mércores 21, unha voadura controlada acabou coa histórica cheminea de refrixeración de Meirama. Poñíase fin así a 40 anos de servizo desta torre da central térmica situada no concello de Cerceda.
Un amplo dispositivo de seguridade despregouse na zona. Cortouse o tráfico na estrada entre Ordes e O Mesón do Vento, desaloxáronse os veciños que viven preto do complexo, e estableceuse un perímetro de seguridade. Houbo unha conta atrás, soaban sirenas, e tras iso, a explosión levaba a torre ao chan en apenas 15 segundos.
Segundo informa a compañía, a operación levouse a cabo coas máximas medidas de seguridade, o mínimo impacto ambiental e en cumprimento da normativa vixente. Un dos traballos que houbo que realizar foi comprobar que non había niños de aves, así como outras especies animais que se puidesen ver afectadas.