Desarticulada unha organización criminal que fabricaba narcolanchas para introducir haxix no país

Imaxe narcolancha_Garda Civil

  • A tripulación enteira e un barco tiveron que ser rescatados e remolcados ata o porto de Torrevieja a finais do mes de febreiro

A Garda Civil, a Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira de Alacante desarticularon nas provincias de Alacante e Murcia, nunha operación conxunta, unha organización delituosa especializada na fabricación de embarcacións de alta velocidade que, posteriormente, eran utilizadas para introducir haxix a gran escala nas costas españolas. A operación saldouse con 15 persoas detidas e coa incautación de sete narcolanchas, 3.357 quilos de haxix, dous camións articulados e cinco turismos.

Esta macrooperación iniciouse o pasado mes de febreiro tras localizar na costa de Alacante unha embarcación de alta velocidade (EAV) navegando á deriva, procedente de augas internacionais. Os investigadores incautaron un cargamento de máis de 3 toneladas de haxix oculto na embarcación de recreo, que estivo a piques de afundirse a 40 de millas da costa.

Despois da complexa manobra de reflote e rescate da tripulación ata o porto de Torrevieja (Alacante) os investigadores sospeitaron que a embarcación podería ser utilizada por un coñecido narcotraficante asentado na zona do Levante. Ademais, nos días posteriores ao afundimento parcial foron xurdindo fardos de haxix aos longo da costa.

Xa no mes de maio, catro dos seus integrantes foron detidos cando circulaban cunha embarcación de alta velocidade, lista para ser “botada” á auga, escondida no interior do semirremolque dun camión.

A operación culminou, a finais do mes de xuño, coa detención doutras 11 persoas, nas provincias de Alacante e Murcia, e dous rexistros efectuados nunhas naves do polígono industrial de Santa Pola (Alacante) onde a organización montara a súa base loxística.