Desarticulada en Ames unha organización que falsificaba certificados de PCR e antíxenos

1 minutes read

Axentes da sección de Investigación da Xefatura da Policía Autonómica, desarticularon unha organización que proporcionaba aos pacientes certificados falsos de probas PCR e antíxenos. No marco da investigación denominada “Operación Xermánica”, detiveron a 3 persoas e está imputada unha cuarta persoas por delitos contra a saúde pública, organización criminal, falsidade documental, usurpación de funcións públicas, intrusismo, suplantación de identidade e estafa.

A investigación iniciouse en xaneiro, cando a Consellería de Sanidade solicitou a colaboración da Policía Autonómica, tras detectar que unha clínica do concello de Ames, presuntamente, manipulou o resultado dunha proba diagnóstica COVID. As pescudas levadas a cabo permitiron localizar un total de 3 sedes da citada organización, unha das cales xa non contaba con actividade no momento da investigación, mentres tanto, as outras dúas sedes continuaban coas tomas de mostras e coa emisión dos certificados falsos das probas COVID, unha clínica en O Milladoiro-Ames (A Coruña) e outra en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Os certificados contaban ademais co logo das clínicas e cun código QR, aparentando todos os requisitos legais para viaxar ao estranxeiro, pero realmente sen validez legal. Ningunha das clínicas contaba cos requisitos sanitarios legais para o seu funcionamento como centro sanitario e unha parte dos traballadores carecía da titulación sanitaria necesaria. Tampouco cumprían cos requisitos ditados pola Lei de Protección de Datos.

Tras identificar aos membros da rede criminal, levouse a cabo un operativo que permitiu a detención de todos eles. A operación Xermánica, que continua aberta, culminou coa detención do considerado líder da organización criminal, que operaba desde a súa sede en Milladoiro-Ames.