Desarticulado un grupo criminal carballés que realizaba estafas por internet

2 minutes read

A Operación, denominada TELEVARI, levada a cabo polo Equipo de Estafas Telemáticas da Compañía da Garda Civil de Coruña, finalizou, tras solicitar toda a información e unha vez analizada, coa desarticulación dun grupo criminal composto por nove persoas, con vínculos familiares ou de amizade entre si, todas residentes na localidade de Carballo (A Coruña).

A Operación comezou por mor dunha denuncia interposta no Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº1 de Betanzos (Coruña), na que a vítima expoñía que lle enganaran na venda dunha televisión que ela ofertaba a través dun coñecido portal de compravenda entre particulares.

Iniciadas as pescudas por parte do Equipo de Estafas Telemáticas de Coruña, detectouse que existían nese mesmo espazo temporal outras denuncias cun mesmo modus operandi na provincia da Coruña, nas que foron enganados veciños das localidades de Oleiros, Betanzos, Milladoiro, Ordes e Sigueiro.

O grupo criminal realizaba varias metodoloxías para cometer os seus ilícitos de estafa, o utilizado habitualmente era facer crer ás vítimas que se interesaban polo seu produto que tiñan publicitado na internet nunha coñecida páxina de compravenda de produtos entre particulares.

Posteriormente, pactaban coa vítima que unha empresa de transporte urxente recollera o produto no seu domicilio, quedando o pago pendente a que a empresa realizase a entrega ao comprador. A aparente legalidade ocultaba que o suposto“transportista” que recollía o produto, aínda que vestido con xersei de empresa de transporte, en realidade era un dos integrantes do grupo criminal, facéndose co produto correspondente sen realizar ningún pago por el.


Asímismo, e non contentos con enganar recollendo produtos de vendedores lexítimos, tamén realizaban a estafa en forma inversa, é dicir, mediante a creación e publicación de distintos anuncios de falsas ofertas de traballo e anuncios de produtos para a venda de distintos dispositivos electrónicos a través de Internet.

Neste caso tras ingresar o comprador o importe en contas bancarias pertencentes aos integrantes do grupo, nunca chegan a remitir (nin os produtos nin os temarios das ofertas laborais).

Debemos sinalar que os integrantes do grupo criminal, tiñan distribuídas as funcións en base á súa xerarquía, e que de maneira concertada e coa finalidade da comisión de múltiples ilícitos penais de estafa, estableceron un armazón criminal a través do cal utilizando nomes supostos ou usurpados, realizaron a compra de liñas telefónicas a nome de terceiros para ocultar a súa identidade, así como a crear distintas contas de correos electrónicos (asociadas a un provedor con sede en EEUU), mediante os cales deron de alta a publicación dos anuncios no portal de compravenda de produtos que utilizaban como gancho para as estafas.

Con esta operación lográronse esclarecer distintos ilícitos penais de estafa cometidos pola provincia da Coruña, ascendendo o total do estafado a máis de 4.000 euros.