Desarticulado un grupo criminal de ciberestafas que deixa vítimas en Cee, Pontevedra e Sevilla

2 minutes read
  • Os detidos usaban o método “Sim Swapping” polo que conseguían as claves de acceso da banca electrónica dos afectados

O Equipo @Coruña de asesoramento, prevención e resposta en materia de ciberdelincuencia da Comandancia da
Garda Civil da Coruña desarticulou un grupo criminal especializado en ciberestafas polo método de «Sim Swapping» e detivo a cinco persoas como presuntos autores dos delitos de pertenza a grupo criminal e estafa.

A mencionada operación iniciouse a raíz a denuncia interposta por unha das vítimas nas dependencias oficiais da Garda Civil de Corcubión no mes de novembro de 2020, comunicando que autor ou autores descoñecidos realizaran dúas transferencias sen autorización desde a súa conta bancaria por un importe total de 12.000 euros.

A Garda Civil investigou os feitos en aras de constatar a súa veracidade e identificar plenamente o autor ou autores dos ilícitos no seu caso. No transcurso da investigación os compoñentes do Equipo @Coruña constataron que as transferencias fraudulentas foran realizadas polo método de «Sim Swapping», que consiste en obter as claves de acceso á banca electrónica da vítima a través de técnicas como o «Phishing”, “Malware” ou “Pharming”. Desta forma duplican a tarxeta telefónica do prexudicado para recibir os códigos de verificación das transferencias a realizar, logrando así o control das súas contas bancarias e da súa liña telefónica.

Como froito do traballo de campo realizado, os axentes lograron a identificación plena dun dos integrantes do grupo veciño da localidade de Borox (Toledo), o cal realizaba a función de mula do diñeiro para a organización. A Garda Civil proseguiu coa investigación localizando a outros tres compoñentes do mencionado grupo residentes nas localidades de Fuenlabrada (Madrid), Borox (Toledo) e Canovelles (Barcelona). Estes utilizaban os datos bancarios da «mula” para vinculalos cos seus dispositivos de telefonía móbil e mediante tecnoloxía NFC extraer o diñeiro obtido en caixeiros automáticos de diversas localidades.

Os compoñentes do Equipo@ continuaron coas xestións obtendo, tras unha ardua tarefa de investigación, a identificación dunha veciña de Ocaña (Toledo), cuxa misión era a captación de novas “mulas”. Unha vez obtidas as identidades dos supostos compoñentes deste grupo criminal, os efectivos do Equipo@ solicitaron a colaboración deus homólogos de Ocaña e Illescas (Toledo) para a súa detención.

A Garda Civil procedeu á detención destas cinco persoas, varias das cales eran coñecidos das forzas de seguridade por ilícitos da mesma índole, como presuntos autores dos delitos de estafa e pertenza a grupo criminal. Entre as vítimas atópanse veciños das localidades de Cee (A Coruña), Pontevedra e Sevilla, por un importe total de 15.000 euros.