Desarticulado un grupo criminal dedicado ao furto continuado de cobre e material de obra en Arteixo

Arquivo.

A Garda Civil procedeu á detención de tres homes como presuntos autores dos delitos de furto continuado e pertenza a grupo criminal. Os implicados, que formaban parte do persoal dunha central eléctrica, coordináronse para subtraer unha inxente cantidade de barras de cobre e outros metais valorados en máis dun cuarto de millón de euros.


As investigacións iniciáronse o 1 de xullo de 2025, tras unha inspección rutineira de seguridade na central electrica. Os responsables da explotación detectaron a falta de barras de cobre fundamentais para os xeradores, cuxa complexidade técnica implica que só se fabrican na cidade de Nova York (EE. UU.), elevando o seu valor por encima dos 250.000 euros.


A investigación permitiu determinar que os sospeitosos se concertaron para realizar as subtraccións aproveitando a súa condición de traballadores.
O grupo utilizaba as ferramentas e vehículos da propia empresa para acceder aos almacéns, onde cortaban as barras de cobre
antes de extraelas do recinto. Ademais do cobre, o grupo subtraeu máis dunha tonelada de tubos de aceiro inoxidable, baterías de chumbo, latón e residuos valorados noutros 15.000 euros.


O labor de investigación técnica levou aos axentes para identificar un establecemento de xestión de residuos próximo á central. Neste lugar, os detidos realizaron máis de 60 operacións de venda de material coincidente co subtraído entre marzo de 2024 e decembro de 2025.


A fase de explotación desenvolveuse de forma graduada neste mes de xaneiro de 2026. O día 3 procedeuse á detención dos dous primeiros sospeitosos, mentres que a detención do terceiro implicado foi o pasado 12 de xaneiro.


Aos detidos impútaselles un delito de pertenza a grupo criminal e un delito continuado de furto, este último agravado por tratarse de material condutor. As dilixencias e os detidos foron postos ao dispor da autoridade xudicial competente.

Related posts

O FIOT repite un ano máis entre os mellores proxectos culturais de Galicia

O PP de Cee pon en valor o papel crave das asociacións e reclama máis apoio e medios para elas

Este sábado resentación  do poemario “Os Ausentes” na casa da Cultura do Museo Man de Camelle, en Camariñas