Desarticulado un grupo criminal dedicado ao roubo con forza en naves industriais

Cedida. GC

A Unidade Orgánica de Policía Xudicial (UOPJ) da Garda Civil da Coruña desarticulou un grupo criminal especializado en roubos con forza en naves industriais e detivo a 4 persoas na fase de explotación da operación Capelos. A mencionada operación, tutelada polo Xulgado de Instrución nº 3 da Coruña, iniciouse a principios do mes de febreiro do ano en curso, tras detectarse un incremento dos roubos con forza en naves industriais desta provincia polo método do butrón. Desde o principio da investigación os efectivos actuantes constataron un elevado grao de profesionalidade e especialización na comisión dos ilícitos, evadindo de maneira total os sistemas de alarma das diferentes naves industriais violentadas, conducindo todos os indicios á posible existencia dun grupo criminal especializado, o cal sería o responsable dos roubos.

Como froito do traballo de campo realizado, a Garda Civil logrou pescudar o modus operandi, o cal consistía en realizar unha exhaustiva análise previa da zona na que ían perpetrar o roubo, ao obxecto de detectar as posibles medidas de seguridade que se empregaban. Posteriormente, no momento de perpetrar o ilícito, desprazábanse ata o lugar en automóbil, deixando este en un punto afastado para evitar calquera vinculación, realizando a pé o resto do traxecto de maneira organizada e con medidas de seguridade extremas. Unha vez no obxectivo procedían con enorme cautela, realizando butróns en puntos estratéxicos para evitar ser detectados polos diferentes tipos de alarmas. Tras a análise minuciosa dos indicios e información solicitada, os efectivos do Grupo de Patrimonio de UOPJ lograron a identificación plena dos presuntos autores, esclarecendo con eles 9 roubos con forza realizados en naves industriais das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra.

A Garda Civil procedeu á detención destes 4 homes como presuntos autores de nove delitos de roubo con forza e un delito de pertenza a grupo criminal. Tras a detención destas persoas, os efectivos actuantes solicitaron á Autoridade Xudicial unha Orde de entrada e rexistro nos seus domicilios, achando no transcurso dos mesmos diñeiro en efectivo, reloxos, e multitude de ferramentas, entre elas radiais e martelos hidráulicos que utilizaban para realizar os butróns e forzar caixas de seguridade, así como outros útiles empregados para a comisión dos roubos como walkie-talkie, móbiles, pezas de vestir, etc.