Desarticulado un importante punto de venda de droga en Camariñas

Foto.- Garda Civil.

Os postos da Garda Civil de Camariñas e Vimianzo, procederon á detención dunha veciña de A Ponte do Porto, Camariñas, por un presunto delito de tráfico de drogas. A investigación foi iniciada pola Garda Civil ante as diferentes queixas dos veciños de Camariñas, tras o aumento de venda e consumo de drogas en Ponte do Porto, o que producía entre os mesmos unha sensación de inseguridade e impunidade.

As indagacións levadas a cabo pola Benemérita, situaron o foco sobre unha vivenda da localidade de Ponte do Porto, onde se observaba un importante movemento de consumidores habituais de drogas dos concellos lindeiros, os cales permanecían no interior da vivenda por un breve espazo de tempo.

As investigacións permitiron obter unha Orde Xudicial para a entrada e rexistro na vivenda da sospeitosa das actividades ilícitas onde se puido proceder á incautación dunha importante cantidade de doses preparadas para a venda de diferentes drogas tóxicas, cocaína, hachis e marihuana, diferentes precursores necesarios para o corte e venda de drogas, básculas, substancias para o corte da cocaína, diñeiro, computadores, diversa documentación e ata máis dunha decena de teléfonos móbiles.

Ante todas as evidencias obtidas, a Garda Civil procedeu á detención desta veciña da localidade, acusada dun delito de tráfico de drogas, desarticulando así este importante punto de venda de substancias estupefacientes. A Garda Civil mantén as investigacións abertas pola posible existencia doutros puntos de venda relacionados coa detida así como pola posible existencia doutras persoas implicadas no feito delituoso.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha