Descarrila un tren de mercadorías en Carballeda de Valdeorras


Un tren de mercadorías que circulaba pola liña Monforte-Ponferrada sufriu un descarrilamento na tarde deste martes ao seu paso por Carballeda de Valdeorras.

Aínda que non se produciron danos persoais, o sinistro obrigou a cortar a vía.

Segundo informou o CIAE 112-Galicia, o suceso ocorreu cando catro dos 15 vagóns do convoi, que ían baleiros, descarrilaron.

O maquinista, único ocupante, resultou ileso.

Ata a zona foron mobilizados efectivos dos Bombeiros de Valdeorras, Garda Civil e servizos sanitarios. Tamén foi informado o Adif, que informou de que a liña se cortou entre A Rúa-Petín e Ponferrada.

Este corte afectou a tres trens, segundo informa Renfe. Son o Alvia 626 entre Barcelona e A Coruña e o Rexional Express 12605 entre Ponferrada e Vigo, suprimidos en Ponferrada; e o Rexional Express 12608 Vigo-Ponferrada, suprimido na Rúa-Petín, cuxos pasaxeiros son transbordados por estrada ata destino.