Descarrila un vagón de tren en Cerdido

1 minutes read

Un tren, que circulaba pola vía férrea desde Ribadeo destino Ferrol, descarrilou á altura do punto quilométrico 37 sen que se rexistrasen feridos entre a pasaxe.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o convoi saíuse da vía a causa dun desprendemento de terra na vía férrea entre Ribadeo e Ferrol, ao seu paso polo concello coruñés de Cerdido, a altura do apeadeiro da Cunqueira.

Concretamente, descarrilou o primeiro vagón, polo que o resto dos vagóns no se viron afectados, ao igual que os oito membros da pasaxe, que non precisaron de axuda dos servizos de emerxencias para chegar ata o apeadeiro. Unha vez alí, os pasaxeiros serían trasladados aos seus destinos por distintos medios de transporte.

Pola súa banda, o persoal de ADIF habilitou o tráfico alternativo por estrada entre as estacións de Ortigueira ata Cerdido, mentres duren os traballos na zona para liberar a vía e restablecer canto antes a circulación.

A vía férrea tivo que ser cortada á espera de que rematen os traballos de retirada de terra que se desprendeu sobre a mesma.