Descarrila un vagón de tren en Viveiro con dezasete persoas a bordo sen rexistrarse danos persoais

Un vagón de tren que cubría a liña entre Ferrol e Ribadeo sufriu este venres un descarrilamento con dezasete persoas a bordo sen que ningunha resultase ferida. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o accidente ferroviario produciuse por mor dun desprendemento de pedras na vía á altura de Celeiro, no termo municipal lucense de Viveiro, ao fío das 22:15 horas.

Nese momento, o persoal de Adif contactaba co 112 Galicia para alertar do ocorrido e solicitaba medios para evacuar ás persoas que viaxaban no convoi, posto que o descarrilamento tivera lugar nunha zona de difícil acceso.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Garda Civil, dos Bombeiros, Protección Civil e Policía Local de Viveiro, así como do GES de Cervo e de Protección Civil de Xove.

Deste xeito, os servizos de emerxencia axudaron a saír á pasaxe da vía férrea ata a estrada máis próxima, onde as persoas que viaxaban no tren accidentado foron recollidas, ao redor das 0:00 horas, en taxis enviados por Renfe.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha