Tras coñecerse os resultados das análises realizadas, a Xunta descarta o uso da auga do antigo oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, ao río Lérez, e mantén outras alternativas complementarias no caso de necesidade de reforzo do abastecemento aos concellos de Pontevedra, de Marín, de Poio, de Sanxenxo e de Bueu, que se serven desta bacía.
As análises levadas a cabo para comprobar a calidade da auga embalsada no antigo oco mineiro, obrigan a descartar a súa utilización como alternativa ao abastecemento da zona, pola presenza de metais que a fan incompatible co seu consumo e coa preservación da calidade da auga do río Lérez.
Deste xeito, o transvase cara ao Leréz da auga retida no oco mineiro en desuso, que se estaba barallando como posible alternativa para aumentar o caudal en caso de ser necesario para o abastecemento, deterioraría considerablemente o estado natural do río debido ás concentracións de metais pesados detectadas e á acidez da auga.
Máis en detalle, os parámetros que arroxan as análises fan incompatibles o uso da auga do antigo oco mineiro de Ventoxo co bo estado do río, debido ás concentracións de níquel, selenio e cadmio e tamén ao PH.
A pesar de que esta vía queda descartada, manéxanse outras alternativas complementarias ao caudal do Lérez, que permiten manter o abastecemento no caso de que a situación de seca prolongada empeore.
Deste xeito, o encoro de Pontillón, que conserva a día hoxe un caudal medio de máis de 1.5 hm3, permanece como reserva de auga no caso en que o río non sexa suficiente. Ademais, no peor dos escenarios e unha hipotética imposibilidade de utilizar a auga do río Lérez, Pontillón tería auga suficiente para abastecer á zona durante 15 días ou 1 mes, dependendo do consumo. Isto, sumado á intensificación da medidas de aforro da auga, totalmente necesarias, son as claves para garantir o abastecemento.