- O 27% dos falecidos en turismo e furgoneta non facía uso do cinto de seguridade, a porcentaxe máis alta nos últimos 10 anos (20% en 2019)
Durante os meses de xullo e agosto faleceron nas estradas españolas 202 persoas, 13 vítimas mortais menos que no mesmo período do ano pasado, o que representa un descenso do 6%. A redución tamén se produciu no número de accidentes mortais (-7%) e no de feridos hospitalizados (-8%).
A saída de vía segue sendo o accidente que máis vítimas mortais xerou (47%), con 95 falecidos, seguida da colisión frontal (19%) con 38 falecidos. Ademais, o 27% dos falecidos en turismo e furgoneta non facía uso do cinto de seguridade (28), a porcentaxe máis alta nos últimos 10 anos (20% en 2019). Preocupan tamén as cifras de mortos por idades: os falecidos este verán respecto do de 2019 descenderon en todos os grupos de idade excepto no grupo de entre 15 e 24 anos que pasaron de 23 a 38 falecidos (+15).
Estes datos foron presentados este xoves polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, quen estivo acompañado da subsecretaria do Ministerio do Interior, Isabel Goicoechea, e do director xeral de Tráfico, Pere Navarro, entre outras autoridades.
Grande-Marlaska sinalou que os datos de mortos por accidente de tráfico nunca son bos, pero «si que é unha realidade que este verán houbo menos falecidos que o verán anterior, situándose así na cifra máis baixa de toda a serie histórica».
MENOS DESPRAZAMENTOS Entre xullo e agosto producíronse 82,8 millóns de desprazamentos de longo percorrido polas nosas estradas, cunha media de 1,3 millóns de desprazamentos diarios, o que supón unha diminución do – 9% respecto os desprazamentos que houbo o verán pasado (91,2 millóns).
O ministro do Interior sinalou que “o comportamento do tráfico no verán de 2020 estivo condicionado pola situación sanitaria», propiciando ademais unha mellor xestión do tráfico «sen que houbese retencións significativas nas operacións saídas e retorno do verán”.