“Descorre o veo da explotación invisibilizada” faille fronte á trata e á explotación sexual

1 minutes read

Trátase dun proxecto que está desenvolvendo a área de Igualdade da Deputación da Coruña para a sensibilización e a acción colectiva contra a trata de mulleres, nenas e nenos e a explotación sexual. Profesionais dos Centros de Información das Mulleres, de diferentes concellos da provincia, participaron nas xornadas formativas que constitúen a primeira etapa do programa.

Sensibilizar contra a trata e descubrir a súa existencia é o principal obxectivo do programa “Descorre o veo da explotación invisibilizada” na que tamén colabora Médicos do Mundo Galicia. A iniciativa busca facilitar ferramentas para abordar o fenómeno da trata e a explotación sexual ao persoal traballador dos Centros de Información á Muller con accións formativas e creativas que rematarán cunha campaña artística de sensibilización que se fará público o vindeiro día 18 de outubro, “Día Europeo contra a trata de seres humanos”.

“O que non se ve semella que non existe e esta é unha realidade que non se adapta á situación da trata de mulleres, unha explotación invisíbel coas que as institucións se teñen que comprometer activamente”, sinala a deputada de Igualade da Deputación da Coruña, María Muíño. Neste sentido, explica que o programa “Descorre o veo” ten precisamente como obxectivo concienciar da dureza e a actualidade da trata e activar mecanismos para a prevención e para contribuír a súa eliminación.