Rematáronse uns novos traballos que acreditan o compromiso do Concello de Zas co patrimonio. Nesta ocasión, un equipo de arqueólogos, dirixidos por Lino Gorgoso, realizaron diferentes tarefas de limpeza para deixar ao descuberto un tramo do Camiño Real que durante a Idade Media e Moderna enlazaba as localidades de Negreira e Muxía por Brandomil e Baíñas. Trátase da principal vía de comunicación entre Santiago de Compostela e a Costa da Morte ata mediados do século XX. En concreto escavaron unha área de 83 metros situada nas proximidades da ponte de Brandomil cuxos restos xa se localizaran nas catas realizadas no verán do ano 2019. Tal e como sinalan os arqueólogos, o camiño “está nunhas condicións aceptables de conservación” aínda que se detectaron algunhas reparacións relativamente recentes o cal indica que o camiño estivo ao descuberto parcialmente ata os anos setenta. De feito, algúns veciños e veciñas de Brandomil lembran ir limpalo comunalmente.
0