- O contido da segunda edición das xornadas ‘A Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate’ estará dispoñible online a partir do 10 de xuño
A catedral do megalitismo galego descubriu os segredos da covid-19 a través da segunda edición das xornadas ‘A Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate’, organizada pola Deputación da Coruña e o Concello de Cabana. Este venres celebrouse a primeira das dúas edicións destas aulas científicas, que estarán dispoñibles para o público nas páxinas web do Concello e do ente provincial a partir do vindeiro 10 de xuño.
A evolución da vacinación contra a enfermidade en España e as consecuencias do virus foron os temas centrais da primeira xornada á que acudiron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o deputado de Patrimonio, Xosé Luis Penas; o alcalde de Cabana, José Muíño; o catedrático en física aplicada pola USC, Jorge Mira; o xerente da área sanitaria da Coruña – Cee, Luis Verde; e os poñentes das aulas, Ángel Carracedo e Federico Martinón.
O coordinador e Xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón, abriu a sesión con ‘Covid-19 e vacinas. Quen pode máis?’, onde analizou a evolución do proceso de vacinación e afondou nas súas consecuencias para a sociedade. Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC, proseguiu con ‘Por que algúns teñen problemas graves coa covid e outros son asintomáticos? A xenética do hóspede’.
Esta primeira xornada pechouse cunha mesa redonda entre os ponentes, baixo o título ‘Que podemos facer para mellora-la loita contra esta pandemia?’, aos que se lles uniron Jorge Mira e Luis Verde Remeseiro.
A segunda edición destas aulas pechouse este sábado coas ponencias de Marisa Juanes Carrasco, doutora en ciencia e tecnoloxía química pola USC, con ‘A importancia da química na loita contra a covid-19’ e finalmente, Margarita Poza Domínguez, investigadora sénior do Instituto de Investigación Biomédica e profesora asociada da UDC, con ‘Sistemas epidemiolóxicos de alerta temperá: entendendo a evolución da pandemia da covid-19 en augas residuais’.