Carballo acolleu este martes o mitin central de campaña de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. No multitudinario acto celebrado no auditorio do Pazo da Cultura interviñeron as/os concelleiras/os, Milagros Lantes, Belén Lendoiro e Xosé Regueira, quen deu paso á portavoz nacional, Ana Pontón e esta ao candidato a revalidar a alcaldía, Evencio Ferrero.
Pontón, arrancou a súa intervención cun recoñecemento á figura de Milagros Lantes, “unha das grandes, exemplo para moitas de nós, mulleres, que queremos actuar desde a política para transformar o mundo, grazas pola túa forza e pola túa xenerosidade”.
Destacou que Carballo é un exemplo do modelo municipal de éxito do BNG, un modelo que funciona, como se constata nas vilas e cidades nas que goberna. “Digo co máximo orgullo, os gobernos municipais do BNG son sinónimo de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, son gobernos que dan aos concellos dinamismo económico, dinamismo social, dinamismo cultural”.
“Carballo é hoxe un lugar excelente para vivir e traballar, con calidade de vida e con benestar”, sintetizou, “por todo isto, Evencio é o mellor alcalde da historia deste concello e seguirá sendo o mellor outros catro anos máis”. Un concello hoxe convertido en referencia pese a un Goberno do PP na Xunta “xogando á contra” e poñendo paus nas rodas.
Fronte a ese boicot, Pontón comprometeu colaboración total: “Tendes a miña palabra, o meu firme compromiso de que, cunha presidenta do BNG, Carballo terá no Goberno de Galiza todo o apoio que precise, ides ter en min unha aliada incondicional para que Carballo teña o investimento e as infraestruturas que reclama e que merece”, concluíu.

Pola súa parte, Evencio Ferrero destacou dúas das claves que definen a súa acción de goberno: amor por Carballo e proxecto de concello.
“A primeira é o cariño polo lugar que sentes como propio, o lugar que sempre queres ver avanzar e mellorar para ofrecerlle aos nosos veciños e veciñas a posibilidade de vivir nun concello que nos axude a ser felices e do que nos sintamos orgullosos”, indicou. A segunda chave da política municipal, explicou, “é ter un proxecto para Carballo, saber o camiño que colectivamente queremos percorrer, cunha estratexia que marque un horizonte, poñendo sempre en valor as moitas potencialidades que temos”, explicou emotivo.
Un Carballo para as persoas
O actual rexedor destacou o seu orgullo por ter posto en marcha, man a man co seu equipo e con toda a veciñanza, “un Carballo para as persoas, con calidade de vida, con máis e mellores servizos, que dispoña dun espazo público de calidade, que manteña un compromiso cun futuro máis sostible e con capacidade para xerar oportunidades e tamén con máis participación veciñal para avanzar na democracia das decisións”.
“Martin Luther King afirmou que tiña un soño, un só soño: seguir soñando. Soñar coa liberdade, soñar coa igualdade e oxalá xa non tivera necesidade de soñalas. Nós tamén temos soños para Carballo, soños que compartimos con vós e que seguro se irán facendo realidade para volver a soñar de novo”, concluíu.
O acto rematou coa entonación, a ritmo de videoclip, do mítico “Apaga o candil” de Carlos Díaz, O Xestal.