domingo, 14 junio , 2026

Desde este luns, adaptacións na circulación na AC-552 en Arteixo

1 minutes read

As obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada AC-552 en Arteixo farán necesarias adaptacións na circulación desde o vindeiro luns, 7 de xuño.

Trátase de seguir avanzando nos traballos de mellora da seguridade deste tramo da vía autonómica, co acondicionamento do espazo no que se disporá unha das glorietas previstas nesta actuación da Xunta: en concreto, a que se sitúa no punto quilométrico 2+880, no extremo do ámbito de actuación máis próximo a Arteixo.

As tarefas comezarán na noite do domingo 6 de xuño co pintado e a sinalización horizontal, dispoñendo a correspondente sinalización vertical e balizamento, para poder traballar no carril máis próximo a esta zona e iniciar os traballos de desmonte do terreo. Ademais, a vía de acceso á rúa do Encoro desde a AC-552 estará cortada durante a execución destes traballos, estando debidamente sinalizada.

Segundo o programa de obra previsto, o luns comezarase cos primeiros traballos de desmonte do terreo, ata chegar á zona de roca. A partir de aí, deberase continuar con voaduras, cuxo inicio se prevé a finais da vindeira semana.

Para levar a cabo as voaduras do terreo nesa zona será necesario o corte puntual do tráfico no momento da voadura, para garantir a seguridade nos traballos. Os cortes, que serán debidamente sinalizados, terán unha duración aproximada de dous minutos.