Desde o 13 de abril xa te podes inscribir para a 10k Carballo

Carballo acollerá o domingo 7 de xuño unha nova edición da 10k – Carreira Popular Concello de Carballo, que neste 2026 celebra a súa décimo cuarta edición e consolídase como unha das citas deportivas de referencia na comarca.

O prazo de inscrición estará aberto desde o luns 13 de abril e poderá formalizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.

A proba, organizada polo Concello de Carballo a través da Concellaría de Deporte, contará con dúas distancias para persoas adultas: 10 e 5 quilómetros, ambas homologadas pola Federación Galega de Atletismo. Ademais, haberá probas específicas para categorías base, dirixidas a nenas e nenos nados dende o ano 2023 en adiante.

A carreira forma parte do XII Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, reforzando así o seu carácter competitivo e participativo.

No tocante ás inscricións, serán de balde para as categorías base, mentres que as persoas adultas deberán pagar unha cota de 5 euros.

A xornada deportiva dará comezo a partir das 10:00 horas e contará con todos os servizos necesarios para participantes e público, nun ambiente festivo e familiar que combina deporte, saúde e convivencia.

Dende o Concello de Carballo animan a toda a cidadanía a participar nesta cita deportiva, que cada ano reúne a centos de persoas e contribúe á promoción de hábitos de vida saudables.

Related posts

Evacuado en helicóptero un home ferido de gravidade tras un accidente cun guindastre en Bande

O Concello da Laracha presenta a nova edición do programa ‘Andainas na Primavera’

Vieiro agradece o apoio constante recibido de Conservas Calvo e da Fundación Luís Calvo Sanz