Dezanove días despois, os 83 migrantes que aínda quedaban a bordo do barco da oenegué Proactiva Open Arms desembarcaron finalmente na madrugada deste mércores no porto de Lampedusa, a só oitocentos metros de onde estaba fondeado o barco. Pisaron terra por orde da Fiscalía e, antes de facelo e seren identificados pola Policía, entoaron o Bella Ciao, o himno da resistencia antifascista, e lanzaron berros de Boza! en sinal de vitoria. A tripulación levaba tempo avisando de que a situación era explosiva e o Ministerio Público deulle a razón.
O buque deberá permanecer, en principio, un par de semanas en Italia no marco da investigación aberta pola Fiscalía de Agrigento por un posible delito de secuestro para determinar porque non puideron desembarcar antes malia que a semana pasada un tribunal tombou a orde do ministro do Interior, o ultradereitista Matteo Salvini, de que non entraran en augas territoriais italianas. As pescudas non se dirixen contra ningunha persoa en concreto pero a ninguén se lle escapa que Salvini e a súa negativa a abrir os portos ás ONGs está detrás da situación vivida. O Open Arms chegou a ter a bordo 160 migrantes, rescatados cando estaban en risco de afogar.