Deseñan un robot que combate á Covid-19


Un robot que neutraliza partículas de coronavirus pronto podería estar a funcionar no teu supermercado máis próximo. Un equipo do Laboratorio de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial (CSAIL, polas súas siglas en inglés) do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT, polas súas siglas en inglés) desenvolveu en colaboración con Ava Robotics un dispositivo capaz de matar en torno ao 90% de partículas de COVID-19 presentes en superficies de 370 m2 en 30 minutos. “É unha idea emocionante usar esta solución sen necesidade de tocar nada para neutralizar de forma segura dormitorios, corredores, hospitais, aeroportos e mesmo avións”, explicou Daniela Rus, directora do Laboratorio de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial do MIT en “ The Ticker” de Yahoo Finance. A clave para desinfectar espazos amplos en pouco tempo é a lámpada de radiación ultravioleta deseñada no MIT. Usa un sinal de luz ultravioleta de onda curta que elimina os microorganismos rompendo o seu ADN. O feixe de luz ultravioleta está conectado á base móbil de Ava Robotic e pode desprazarse por un almacén da mesma forma que un vehículo sen condutor. “O robot é controlado por uns potentes algoritmos que calculan onde debe ir o robot con precisión e canto tempo ten que traballar para neutralizar os xermes existentes nesa parte concreta do espazo”, dixo Rus. Actualmente, o robot está a probarse na zona de preparación de envíos do Greater Boston Food Bank e concéntrase en desinfectar os produtos que saen do almacén para reducir calquera posible risco de propagación do coronavirus na comunidade. “Había unha oportunidade única nisto para ofrecer unha potencia desinfectante maior no contexto actual dun amplo volume de traballo e para axudar a reducir os riscos de exposición á COVID-19”, di Alyssa Pierson, científica investigadora do CSAIL e técnica responsable da montaxe da lámpada de raios ultravioleta. Pero Rus explica que implementar este robot noutras localizacións supón algúns desafíos. “A luz emitida polos robots é perigosa para os humanos, así que o robot non pode estar no mesmo espazo que os humanos. E se hai persoas ao redor do robot, teñen que levar postos equipos de protección”, engade. Aínda que Rus non dá un prezo, di que o custo do robot segue sendo alto, o que podería ser un obstáculo para levar a cabo unha ampla distribución. No futuro, “talvez non sexa necesario comprar un equipo completo de robots, senón que poderás reservalo durante unhas horas ao día para que se ocupe do teu espazo”, di.