Desenvolven obras de reforzo da seguridade viaria na AC-552 ao seu paso por Dumbría

Cedida.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou a execución das obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-552, ao seu paso polo concello de Dumbría, no treito coincidente co Camiño de Fisterra, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

A actuación desenvólvese no tramo desta ruta do Camiño de Santiago que cruza esta vía autonómica, á altura do punto quilométrico 81,2.

Os traballos en execución céntranse na construción dunha pasarela de madeira baixo o viaduto existente neste punto da AC-552 e contan cun investimento de preto de 45.000 euros.

Trátase de actuacións deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos. Estas intervencións inclúen a mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

No marco destas intervencións, deseñáronse un total de 11 actuacións de mellora da seguridade viaria en 6 estradas autonómicas no Camiño de Fisterra ao seu paso polos concellos de Muxía, Mazaricos, Negreira, Ames, Fisterra, Cee e Corcubión, ademais desta en Dumbría, que suman un investimento conxunto de máis de 200.000 euros.