Localizado o corpo do mergullador de Valga de 21 anos desaparecido no mar do Grove

1 minutes read

Un mergullador que saíra a pescar con dous compañeiros en San Vicente do Mar, no concello do Grove, permaneceu desaparecido dende as dúas da tarde deste sábado. É un mozo de 21 anos, veciño de Valga. O desaparecido baixou ao fondo e, ao tardar en volver á superficie, os compañeiros tentaron dar co seu paradoiro. Os amigos, de 20 anos e do mesmo municipio, ao perdelo alertaron os servizos de emerxencia. O helicóptero Pesca I de Salvamento Marítimo sobrevoou a zona que vai dende a praia do Con Negro ata a batería militar de San Vicente durante a tarde sen éxito. Ademais, participaron no operativo membros da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil do Grove. 

Este domingo o cadáver foi rescatado por unha embarcación da Garda Civil, despois de ser localizado preto da boia que utilizaba o submarinista. O corpo sen vida do mergullador foi trasladado ao porto de Meloxo a bordo da lancha da Garda Civil. Na mañá deste domingo retomárase o operativo de busca, que estivo coordinado por Salvamento Marítimo, no que interviñan o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil, o Servizo Municipal de Protección Civil e unha embarcación da Cruz Vermella.