Varias dotacións de medios aéreos e terrestres traballaron sen descanso á primeira hora da tarde deste mércores nos montes próximos ao lugar de Gatarante-Riotorto, no concello de Muxía. Un lume forestal avivado pola calor e o forte vento creou alarma entre os veciños e veciñas da zona, chegando a acercarse perigosamente as proximidades dunha granxa porcina. O Goberno local muxián emitiu un comunicado no que pedía tranquilidade á poboación, sinalando o traballo que se estaba a realizar na zona por parte dos servizos de extinción.
«Rogamos tranquilidade á veciñanza xa que se está traballando para controlar o lume con todos os medios dispoñibles: helicópteros, avionetas, motobombas e operarios.
O Goberno local muxián estivo participando en todo o proceso do operativo e Garda Civil e Protección Civil comezarán a investigar as causas do inicio do lume», sinalaron fontes municipais.