Destacada implicación da comunidade educativa do IES de Cee en ‘O saber ten premio’

1 minutes read

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou este venres na gran final da XII Olimpíada cultural O saber ten premio, organizada polo Instituto IES Fernando Blanco de Cee, onde quixo felicitar a todo o alumnado do centro que participaron no certame “polo seu interese en ampliar os seus coñecementos, por facer o traballando en equipo e mesmo atrevéndose a facer unha exposición pública dos mesmos”.

A directora xeral puxo en valor o traballo do centro para organizar o concurso, coa preparación dunha base de datos de máis de 900 preguntas sobre as diferentes materias das ensinanzas que se imparten no instituto, a proposta de todo os departamentos didáctico. “As 12 edicións desta Olimpíada cultural son proba do seu éxito e da implicación da comunidade educativa do Fernando Blanco na preparación desta cita, que é xa ineludible”, salientou Eugenia Pérez.

Os equipos en concurso estiveron formados por cinco estudantes, dos que tres debían ser alumnos de FP ou Bacharelato e dous de ESO ou educación para persoas adultas. Os equipos fóronse enfrontando en sucesivas eliminatorias nas que respondían as preguntas a través dun programa informático ata quedar os tres participantes na final.

A competición final consistiu nunha primeira fase de resposta a 20 preguntas, igual ca nas eliminatorias, e nunha segunda na que o alumnado participou nun debate sobre algún tema proposto polo xurado.