Destacada presenza galega na feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, Gourmets


Galicia ten unha presenza destacada na 34º edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade Gourmets, que se iniciou este luns en Madrid e que se prolongará ata o vindeiro xoves día 21. Esta edición de Gourmets conta con máis de 1.500 empresas expositoras, que fan promoción de máis de 37.000 produtos. Están programadas máis de 800 actividades e agárdase a visita dunhas 70.000 persoas, que poderán percorrer un espazo de 47.000 m². Este salón está considerado como o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen e constitúe unha referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía.

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- participa cun posto de 414 m² de superficie no que acolle un total de 37 empresas agroalimentarias. Así, 15 expositores son de adegas e outros 22 de representantes do sector do viño, carne, queixo, mel, produtos transformados e repostería, entre outros. Nos diferentes espazos danse a coñecer estes produtos coa celebración de diversas catas e degustacións. Tamén están presentes diferentes consellos reguladores.