Destacan o esforzo feito para a internacionalización do Camiño Inglés e do de Fisterra-Muxía

1 minutes read

A Deputación da Coruña convocou no Pazo de Mariñán a 22 entidades para a segunda xuntanza da Mesa dos Camiños, na que os representantes do Camiño Inglés e da prolongación a Fisterra-Muxía destacaron o esforzo feito para a internacionalización destes dous itinerarios. No encontro, presidido polo deputado Antonio Leira e no que tamén participaron os presidentes das asociacións dos concellos respectivos, Xosé Manuel Pequeño (polo de Fisterra-Muxía) e Manuel Mirás (polo Camiño Inglés), fíxose balance das actuacións levadas a cabo nestes anos xacobeos.

Leira explicou que «este esforzo materializouse na colaboración con entes británicos, daneses e italianos». Manuel Mirás salientou que en territorio galego «faltan servizos e iniciativas para dar unha mellor acollida ao camiñante», e pediu «un esforzo para implicar máis á poboación local, especialmente á relacionada coa restauración e a hostalaría». Xosé Manuel Pequeño, que tamén é alcalde de Dumbría, recoñeceu que «ao ser a súa unha entidade de máis recente creación, non teñen desenvolvido tantas iniciativas» pero que «están comezando un proxecto de mellora da calidade da Prolongación e desenvolvemento de produto».

Por último, púxose sobre a mesa, como proxecto de futuro, facer un estudo en profundidade para seguir adiante coa petición dos empresarios da provincia de solicitar que ambas as dúas rutas fosen declaradas patrimonio da humanidade pola Unesco.