Destinados 2,4 M€ para fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais

2 minutes read

A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co desenvolvemento dunha minaría sostible e segura e este ano convocará cinco liñas de axudas destinadas á actividade industrial vinculada aos recursos naturais. Reservará un total de 2,4M€ a estes apoios que amplían o seu ámbito de actuacións con respecto á edición anterior.

As axudas da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que se outorgarán por orde de solicitude, están destinadas a empresas privadas do sector mineiro, incluído o subsector da auga mineral natural e o de actividades relacionadas co sector mineiro como é a de elaboración de rocha ornamental, así como as que se dediquen á explotación de balnearios e que realicen a súa actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia.

Así, unha das liñas apoiará os investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico das zonas onde se desenvolve a actividade mineira e, en especial, mediante a redución de emisións de po e ruído. A principal novidade é que se estende a investimentos para a protección do medio ambiente na zona da actividade mineira. Outras dúas liñas impulsarán investimentos para mellorar as condicións das persoas traballadoras, en especial na redución da exposición ao po e o ruído: unha dirixirase ao sector mineiro en xeral e inclúe, como novidade, investimentos tamén en redución das vibracións e medidas de seguridade, hixiene industrial e ergonomía; e a outra ao da rocha ornamental. A intensidade da axuda será como máximo do 60% para as pequenas empresas, 50% para medianas e 40% para grandes, cun máximo de 100.000 euros na primeira e segunda liña, e 50.000 para a terceira.

A nova convocatoria, que se publicará nas próximas semanas, permitirá o desenvolvemento de proxectos que favorecerán un aproveitamento racional e eficiente dos recursos naturais, valéndose da investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento como elementos de mellora do sector que, ademais, redundarán nun menor impacto medioambiental da actividade. Ademais impulsará unha mellora en materia de prevención e riscos laborais, achegando maior seguridade aos traballadores do sector. Obxectivos que coinciden cos obxectivos que marca a Axenda de impulso da minaría sustentable aprobada pola Xunta de Galicia.