- A Policía Local atopou na mañá deste venres os elementos arrincados, rotos e desprendidos da base
O Concello de Vimianzo denuncia actos vandálicos nos elementos do sistema eléctrico, aínda por estrear, do seu paseo fluvial. Na mañá deste venres os axentes da Policía Local atoparon as luminarias desprendidas da base, rotas e forzadas.
As forzas de seguridade están agora na procura de probas para identificar ás persoas infractoras e admiten que se trata dun «acto completamente premeditado, que non é unha zona de paso a altas horas da noite e que, presuntamente, as persoas causantes destes danos xa tiñan pensado actuar na zona». Desde a Policía Local piden a colaboración da veciñanza e poñen á súa disposición o número 617 484 852 para presentar calquera indicio de ter algunha proba, sexa ou non concluínte. «Calquera contribución a esclarecer o sucedido será de moita axuda para nós», sinalan os axentes.
Por outra banda, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, lamenta este triste suceso e apela á necesidade de «coidar do noso para que os servizos públicos poidan ser de calidade e universais».