Detectada a presenza de axentes contaminantes na auga da traída de Corme Porto

A Xefatura Territorial de Sanidade mantén a recomendación de non usar a auga da traída de Corme Porto, nin para beber nin para manipular alimentos, ao detectar a presenza de axentes contaminantes nas análises realizadas. En concreto, segundo os datos que vén de remitirlle ao Concello de Ponteceso o servizo autonómico, nas mostras de auga tomadas no centro de saúde de Corme había presenza de bacterias coliformes e clostridium perfringens.

O Concello de Ponteceso continuará co reparto de auga embotellada, establecendo como punto de almacenamento e distribución a lonxa nova de Corme. Ao mesmo tempo seguirá colaborando coa Consellería de Sanidade para erradicar a contaminación da auga o máis axiña posible.

O alcalde, Xosé Lois García Carballido, apunta que o problema de potabilidade afecta en exclusiva a Corme Porto, onde aconsella que se use auga embotellada tanto para beber coma para cociñar e para lavar alimentos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha