Veciños próximos ao número 15 da rúa Doctor Fleming de Carballo deron a voz de alarma pasadas as dez da noite deste xoves. Un forte cheiro a gas invadía as proximidades desa zona. Desde o 112 Emerxencias Galicia púxose en marcha un operativo de control da situación coordinado polos bombeiros de Carballo desprazados de inmediato ao lugar. Non foi doado de localizar a procedencia da fuga, ao ser no exterior as condicións meteorolóxicas difuminaban por momentos ese cheiro a combustible incluso nos propios aparellos detectores. Pero un traballo eficaz dos profesionais contra o lume foi quen de dar con esa pérdida nunha arqueta de distribución próxima. Ao peche desta edición técnicos da empresa concesionaria Naturgy traballaban no lugar para tratar de reparar a fuga sen causar cortes no servizo.
0