A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun caso de ave silvestre afectado por influenza aviaria, confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Trátase dun exemplar de palleira parasita (stercorarius parasiticus), atopado con sintomatoloxía clínica na praia coruñesa do Orzán, e que morreu pouco despois. Trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, foi analizada en laboratorio, eliminándose posteriormente o cadáver conforme á normativa vixente. Con este novo caso son seis os focos notificados en Galicia no presente ano 2023, correspondendo cinco a gaivotas e este último a unha palleira parasita. Desde o pasado mes de febreiro non se tiña detectado ningún caso na nosa comunidade autónoma.
0