A Consellería do Medio Rural comunicoulle ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia dun foco de positividade por SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada no concello de Carral.
En aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade nas granxas de visón americano, tras as análises laboratoriais realizadas confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 nesta granxa en cinco mostras. A explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural. A enquisa epidemiolóxica realizada na granxa non amosa ningunha sintomatoloxía nos animais presentes.
A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se veñen realizando ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polos Ministerios de Agricultura e de Sanidade. As cepas virais detectadas nos animais serán sometidas aos oportunos estudos epidemiolóxicos para tentar determinar a orixe da infección, aínda que todo apunta, como en casos precedentes, a unha orixe humana.