A detección realizouse no marco das actuacións levadas a cabo por Medio Rural desde o ano pasado ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) -dependente do Ministerio de Sanidade-. Estas actuacións, nas que está implicada tamén a Consellería de Sanidade, inclúen non só a toma de mostras rutineiras nos animais cunha periodicidade quincenal senón tamén a realización de probas aos traballadores das granxas. Tras a localización do brote, a Consellería do Medio Rural comunicoulle este venres ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia deste foco de positividade por SARS-CoV-2 nesta granxa de visóns americanos situada no concello de Curtis. Así, nesta explotación -que conta con 11.600 visóns, dos cales 3.100 son reprodutoras e 8.500 son crías- detectáronse catro mostras positivas.
31
