A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) a existencia dun foco de positividade por SARS-CoV-2 nunha granxa de visón americano situada no concello coruñés de Oza-Cesuras. Así, nesta explotación -que conta con 9.874 visóns- detectáronse dúas mostras positivas, malia que os seus animais están asintomáticos, sen signo algún de enfermidade.
A detección realizouse no marco das actuacións levadas a cabo por Medio Rural desde o ano pasado ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) -dependente do Ministerio de Sanidade- e no que colaborou activamente Galicia. Estas actuacións, nas que está implicada tamén a Consellería de Sanidade, inclúen non só a toma de mostras rutineiras nos animais cunha periodicidade quincenal senón tamén a realización de probas aos traballadores das granxas.
En aplicación do citado programa, a granxa foi inmobilizada de inmediato e procederase a continuar a vixilancia e control por parte dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, de acordo ao citado programa de prevención, vixilancia e control en España, para realizar un seguimento e determinar as actuacións a levar a cabo.