Detectados dez casos de hepatite A nun colexio de Lalín

1 minutes read

Os afectados son cinco nenos alumnos do CEIP Xesús Gomar, outra nena filla dunha profesora deste centro escolar e catro casos en adultos, todos eles pais de nenos afectados, segundo informou Miguel Álvarez, xefe do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas da Consellería de Sanidade en Pontevedra.

Ningún dos afectados tivo que ser hospitalizado, todos presentan sintomatoloxía leve e atópanse xa nos seus respectivos domicilios, onde deberán permanecer unha semana ata que desaparezan os síntomas.

Álvarez sinalou que neste caso do colexio de Xesús Gomar a infección vírica produciuse por «vía fecal oral».

Sanidade activou o protocolo correspondente neste caso, dado que se considera andazo cando se detectan dous ou máis casos, indicou o portavoz sanitario.

Como medida preventiva, Sanidade ofreceulles aos profesores do centro escolar lalinense, así como aos alumnos e aos pais destes a posibilidade de ser vacinados en dúas doses separadas polo menos seis meses.