A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
Trátase de exemplares de gaivota patiamarela (un no concello da Coruña e outro en Ribadeo), atopados con sintomatoloxía clínica. Trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Oleiros e O Veral, respectivamente, as aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial. Con estes dous novos, son dez en total os focos notificados na nosa comunidade no presente ano 2023, correspondendo nove a gaivotas e un a un exemplar de palleira parasita.
A notificación destes dous focos, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional ao comercio de aves vivas e produtos derivados orixinarios da comunidade autónoma.