Deteñen a catro veciños de Carballo, por varios roubos e atentado aos axentes da autoridade

Foto.- Garda Civil_Arquivo_Cedida.

A Garda Civil de Carballo detivo a dúas parellas, con numerosos antecedentes, como presuntas autoras dun delito de atentado aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións e varios roubos.

Os feitos ocorreron o pasado día 3 de xaneiro nun control de vixilancia nas inmediacións do domicilio dos agora detidos. Cando a Garda Civil procedeu a darlles o alto para a súa identificación, observaron no interior do vehículo galiñas, bombonas de butano e unha guitarra eléctrica. Ao non poder xustificar a procedencia lícita dos obxectos a patrulla procedeu á súa intervención e detención dos ocupantes, véndose sorprendidos por outros dous veciños e agora tamén detidos, que se abalanzaron sobre os axentes con gran agresividade e impediron a súa detención, logrando todos fuxir do lugar, non sen antes deixar a un dos Gardas Civís contusionado ao acometer contra este cun pau de grandes dimensións.

A Garda Civil de Carballo montou un operativo policial e detivo e investigou a estes catro veciños do poboado do Monte do Carme de Carballo que protagonizaran diferentes feitos delituosos tanto en Carballo como en concellos limítrofes e sobre os que xa pesaban algunhas ordes de procura e detención por parte dos Xulgados de Negreira e A Coruña.

Un dos detidos estaba a ser buscado por embestir un vehículo oficial da Garda Civil de Carballo o pasado día 14 de decembro cando trataba de fuxir dunha patrulla cando se lle deu o alto na vila, imputándolle por este feito un delito de condución temeraria, outro por carecer de permiso de conducir e danos no vehículo oficial. A outro dos detidos atribúeselle a autoría dun recente roubo no interior dun colexio na Laracha. Os detidos xunto coas dilixencias instruídas foron postos ao dispor do Xulgado de Garda de Carballo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha