Deteñen ao ‘Rambo galego’ cando tentaba roubar nunha casa en Valdoviño

1 minutes read

Alfredo Sánchez Chacón, coñecido como o «Rambo galego», tentou entrar por unha fiestra nunha vivenda, pero foi descuberto e perseguido por dous homes, que o inmobilizaron ata que chegou a Garda Civil do Posto de San Sadurniño que o detivo. Sánchez Chacón era buscado dende marzo do ano pasado tras non regresar ao cárcere de Monterroso, en Lugo, logo dun permiso penitenciario. Nos últimos días adicábase a entrar a roubar comida en diferentes domicilios.

Un garda civil, que se atopaba fóra de servizo, acudiu inmediatamente á casa onde foi visto e aínda que nun primeiro momento non atopou a ningunha persoa no seu exterior, acazapouse para ver se observaba algún movemento nos arredores. Tras un intre de espera observou a unha persoa saír de entre a maleza portando unha mochila ás súas costas, dirixíndose cara á estrada, iniciando o garda civil a súa persecución e indicándolle que se detivese.

Ao verse sorprendido o detido desposuíuse da mochila para poder correr máis rápido, tras unha breve persecución o axente logrou interceptalo e reducilo. Cando a patrulla do Posto de San Sadurniño acudiu ao lugar procedeu á detención de Alfredo Sánchez, trasladándoo ao Centro Hospitalario Universitario de Ferrol para o seu exame médico, e posteriormente aos calabozos da Compañía da Garda Civil de Ferrol, onde permanecerá ata a súa posta ao dispor da Autoridade Xudicial.