Detida a muller do home que apareceu morto con signos de violencia en Paderne


A Garda Civil detivo a muller do home que apareceu morto con signos de violencia na parroquia de Velouzás-Paderne (A Coruña) o pasado 20 de xaneiro. O arresto produciuse hai unha semana, pero transcendeu na mañá deste martes nun comunicado emitido pola Garda Civil.

O falecido convivía coa súa muller, pero apenas se relacionaba coa veciñanza. Segundo informa o Instituto Armado, a vítima “levaba unha vida sinxela e illada da xente”.

As pescudas iniciáronse tras aparecer o corpo do home con signos de violencia na parroquia de Velouzás. Foron os seus veciños os que deron a voz de alarma ao non saber de ningún dos dous durante días. Cando os axentes chegaron ao domicilio atoparon o cadáver, que presentaba sinais de violencia. A Policía Xudicial fíxose cargo da investigación.

As pescudas e a autopsia permitiron relacionar a muller coa morte violenta do home. O mércores 1 de marzo foi detida, acusada dun presunto delito de homicidio. O titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Betanzos decretou para ela prisión provisional