Detida unha carballesa como presunta autora dun delito contra a seguridade viaria

1 minutes read

O Equipo de Atestados do Subsector de Tráfico da Coruña en colaboración coa Garda Civil e a Policía Local de Carballo, detivo a unha condutora como presunta autora dun delito contra a seguridade viaria. Os feitos ocorreron ao ser detectado o vehiculo que conducía por un cinemómetro, circulando a unha velocidade de 80 km/h en tramo con limitación de velocidade de 50km/h, na estrada AC-552 no termo municipal de Arteixo.

A Garda Civil procedeu a dar o alto a esta condutora, para notificarlle a infracción, facendo esta caso omiso das sinais dos axentes, emprendendo a fuxida a toda velocidade, efectuando varios adiantamentos en zona prohibida, con total desprezo cara á súa seguridade e a do resto de usuarios da vía. A patrulla actuante iniciou o seguimento do vehículo, comunicándolle á Central COTA a incidencia, para que alertasen ás patrullas en servizo da mesma.

Tras o aviso recibido, dado que o vehículo circulaba pola referida vía sentido Fisterra, a patrulla da Garda Civil do Posto Principal de Carballo xunto coa Policía Local da localidade montou un dispositivo para tratar de deter o vehículo. Ao decatarse a condutora do dispositivo establecido, tenta evadir a acción policial, facendo novamente caso omiso dos sinais dos axentes, os cales inician o seu seguimento ata conseguir interceptala a patrulla de Policía Local.

A garda Civil procedeu a realizarlle as pertinentes probas de alcoholemia e detección de substancias estupefacientes, dando un resultado positivo nestas últimas. A condutora foi detida como presunta autora dun delito contra a seguridade viaria e denunciada por conducir baixo o efecto de substancias estupefacientes. A detida, xunto coas actuacións realizadas, foron postas ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Carballo.