A Garda Civil de Milladoiro xunto coa Policía Local de Ames detivo a unha muller como presunta autora dun delito contra a saúde pública.
Os feitos ocorreron despois de que os axentes da Policía Local de Ames recibisen unha alerta na que un particular manifestaba que uns descoñecidos trataran de entrar na súa vivenda e ao verse sorprendidos, introducíronse no piso próximo.
Ao chegar ao lugar do suceso, os axentes constataron un vehículo, no que se desprazaron os supostos asaltantes, que coincidía segundo as bases de datos consultadas cun vehículo relacionado con episodios de violación de morada.
Para maior seguridade, a Policía Local optou por solicitar o apoio da Garda Civil e mentres estes inspeccionaban o perímetro da vivenda para solicitar a maior información posible da situación, un dos supostos asaltantes saíu do domicilio, sendo inmediatamente inmobilizado polos axentes. Posteriormente, tamén foi detida outra segunda persoa ao saír da vivenda.
Ao entrar nesta, os axentes actuantes topáronse con preto de oitenta plantas de marihuana e varios útiles para o seu cultivo.
Realizadas as xestións pertinentes, constatouse que os dous individuos non tiñan ningún tipo de relación co material atopado, e que a súa presenza no domicilio debíase á amizade que mantiñan coa arrendataria da vivenda, a cal lles autorizaba a estancia na mesma, sendo o intento de acceder a outra vivenda un erro debido ao seu descoñecemento da localización real do inmoble.
A Garda Civil procedeu inmediatamente a súa posta en liberdade, solicitando á Autoridade Xudicial a autorización para o rexistro da vivenda, ao haber claros indicios da existencia dunha plantación de marihuana na mesma. No interior do lugar foron localizadas varias estancias dedicadas ao cultivo e secado das plantas, 291 plantas de pequeno tamaño, sistemas de ventilación, varios cadros eléctricos, lámpadas de gran potencia, sistemas de rega e diversos útiles para a plantación.
A propietaria da vivenda foi detida pola Garda Civil e xa está ao dispor do Xulgado de Instrución Número 3 de Santiago de Compostela.